O Camiño de Santiago

 

O Camiño de Santiago é un dos reclamos turísticos máis poderosos de Galicia e, en particular, de Lugo. A provincia está cruzada por tres das variantes da ruta: o Camiño Norte, que ingresa en terras luguesas pola comarca da Mariña; o Camiño Primitivo, que entra polo concello montañés da Fonsagrada, e a ruta por antonomasia, o Camiño Francés, cuxo pórtico é o poboado do Cebreiro.

Milleiros de persoas de todo o mundo seguen cada ano a ruta xacobea para contemplar as reliquias de Santiago o Maior custodiadas na catedral de Santiago. Encamíñanse á capital de Galicia a pé, en bicicleta ou dacabalo. Pero as rutas das peregrinacións son tamén unha alternativa excelente para o turismo convencional, dada a súa gran riqueza patrimonial e gastronómica e as pintorescas vilas, aldeas e paisaxes naturais que atravesan.

O Camiño Francés é especialmente rico en todos estes aspectos. Penetra en Galicia por entre as montañas dos Ancares, O Courel e O Capeloso, a unha altitude media de 1.000 metros sobre o nivel do mar. A primeira parada obrigada é O Cebreiro.

O Cebreiro
Este enclave prerromano aínda conserva algunhas das típicas pallozas, vivendas de planta circular e tellado cónico de cuberta vexetal. Unha destas construcións está restaurada e habilitada como museo etnográfico. Nela poden verse mostras dos vellos usos dunha economía agrícola de subsistencia, como foi a galega ata hai poucas décadas.

A modélica rehabilitación do Cebreiro renovou as casas de pedra e as rúas lousadas, preservando con respecto as feituras e os materiais antigos. Todo o lugar está tomado pola maxia do tempo ancorado. Doutra banda, as tendas de recordos e a industria hostaleira -hai varias tabernas, restaurantes e hospederías- proporcionan unha ampla oferta para o ocio e as compras.

Antes de abandonar o poboado é preceptiva unha visita ao templo de Santa María a Real, construído polos monxes bieitos no século IX. Trátase da igrexa máis antiga do Camiño. Fabricada en granito e lousa, posúe planta basilical de tres naves e custodia dentro unha imaxe bizantina da patroa, do século XII.

Samos, Sarria, Portomarín

En Samos atópase un dos mosteiros máis impresionantes da Península, a abadía beneditina de San Xulián e Santa Basilisa. A tradición cóntanos que foi fundada por san Martiño Dumio no século VII. Aínda conserva vida monástica e é posible facer a diario visitas guiadas. Ademais, conta con servizo de hospedería e albergue de peregrinos.

Desde o punto de vista arquitectónico, destaca a fachada barroca da igrexa, que no seu interior alberga un dos maiores órganos de España. Os claustros son austeros pero tamén vistosos, en especial o da fonte das Nereiras, caprichosamente esculpida.

A vila de Samos, pequena e pulcra, ten numerosos bares, restaurantes e casas de turismo rural. O visitante pode gozar ademais de sombríos paseos á beira do río Oribio.

A só 12 quilómetros de Samos atopamos Sarria, o núcleo de servizos máis importante do Camiño. Próspera localidade con gran implantación da industria do moble, é tamén a capital galega das antigüidades. Estes establecementos concéntranse no barrio de San Lázaro.

A vila ten fermosas igrexas -Santa Mariña, San Salvador, San Lázaro-, un mosteiro -Santa Magdalena- e un núcleo antigo ben conservado que é, precisamente, a vía de penetración da ruta xacobea. O patrimonio histórico local conta, ademais, con xoias coma a torre de Batallón, último resto do castelo medieval. Ao pé atópase a vella prisión, restaurada e convertida en sala de exposicións.
No aspecto máis mundano, Sarria é ben coñecida polo seu censo de bares e discotecas, que fan dela un importante centro de ocio na comarca. A vila está moi animada no verán pola presenza de peregrinos, campistas e emigrantes que regresan para pasar as vacacións.

Á beira do encoro de Belesar aparece a vila de Portomarín. A construción da infraestrutura hidroeléctrica obrigou a trasladar a finais dos anos 50 todo o núcleo poboacional ata a súa actual localización, o monte do Cristo. Cando o nivel do encoro está baixo, pódese contemplar no seu leito a estampa fantasmagórica das casas e muros do antigo Portomarín.

O monumento local máis impresionante, a igrexa de San Xoán e San Nicolás, é un híbrido de templo e fortaleza militar construído entre os séculos XII e XII pola Orde de San Xoán de Xerusalén. Atópase na praza Maior, nun núcleo antigo caracterizado polas rúas lousadas e os soportais.

A Ulloa

A comarca da Ulloa está constituída polos concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla e Monterroso. Xeograficamente ocupa o centro mesmo de Galicia. Literariamente é o escenario de Los pazos de Ulloa, de Emilia Pardo Bazán. Toda a zona é pródiga en pazos, casas grandes e torres, construcións que, nalgúns casos, están dedicadas ao turismo rural.

En Palas de Rei atopamos dous dos monumentos máis importantes da comarca: o castelo de Pambre (s. XIV) e a igrexa de Vilar de Donas (s. XIII). O castelo considérase o principal exemplo de arquitectura militar medieval en Galicia, mentres que a igrexa, con sepulturas de cabaleiros da Orde de Santiago no interior, é unha das grandes xoias do Románico galego. Outro monumento, neste caso natural, son os torrentes de Mácara, axeitados para a práctica de piragüismo de alto nivel.

Monterroso é unha importante vila de servizos, así como o núcleo con máis animación nocturna da comarca. A localidade sácalle partido á beleza do río Ulla na apracible praia fluvial da Peneda. O seu calendario ten unha data fundamental, a concorridísima Feira de Santos do 1 de novembro, un dos mercados ao aire libre máis importantes de Galicia.

Camiño Primitivo

O Camiño Primitivo é a máis antiga das rutas de peregrinaxe. Empregouno Afonso II o Casto para ir a Santiago desde a súa corte de Oviedo, entrando en territorio lugués polo Alto do Acebo. O visitante pode emular a viaxe real e descubrir de paso unha parte da provincia á marxe do turismo de masas.

A variante xacobea atravesa os concellos da Fonsagrada, Baleira e Castroverde, cruza o concello capitalino e continúa despois cara a Palas de Rei, onde se fundirá co Camiño Francés.

A Fonsagrada é o segundo concello máis extenso de España. Posúe paisaxes de montaña ideais para se perder, con fragas, fervenzas, pequenas aldeas e restos de antigas ferrerías. A etnografía é alí algo vivo, con hórreos aínda en uso e paisanos que conservan a tradición oral e musical. A vila conta cun museo etnográfico digno de ser visitado e, en xeral, o turismo rural e a gastronomía puntúan alto.

Similares atributos atopa o visitante nos termos municipais de Baleira e Castroverde, así como un curioso rosario de igrexas e capelas que vai punteando a ruta.

Gastronomía
Xunto ao interese artístico e paisaxístico, as rutas xacobeas ofrecen múltiples posibilidades para os amantes do bo comer. Sen saír do Camiño atopamos dúas importantes denominacións de queixos: O Cebreiro e Arzúa-Ulloa, frescos os primeiros, moi versátiles para as receitas máis diversas, e curados e semicurados os segundos.

Tamén atoparemos carnes excelentes, tanto de vacún coma de porcino. O churrasco -cortes de carne á brasa- é de degustación obrigada, o mesmo ca os embutidos de porco. Mención expresa merece o botelo, elaborado con costelas, coiros e altas doses de pemento. Este embutido, que require varias horas de cocción, prepárase nos concellos da Fonsagrada e Baleira.