Á beira do mar: comarcas da Mariña

A Mariña ten unha xeografía espectacular e moi diversa. Nas súas costas atoparemos praias de finas areas con múltiples servizos, o que as fai merecedoras de bandeiras azuis da Unión Europea ano tras ano.

Calas solitarias, cabos, promontorios, illas, faros, penínsulas, cantís e portos pesqueiros, industriais ou deportivos, configuran unha paisaxe marítima paradisíaca. No litoral da Mariña pode practicarse todo tipo de pesca (submariña, de cana e de barca), así como múltiples deportes náuticos durante todo o ano.

A comarca une aos atractivos da súa faixa costeira unhas exuberantes paisaxes de montaña e un interesante patrimonio artístico. O turismo é un valor en alza na comarca, favorecido polo desenvolvemento da infraestrutura hoteleira e, en particular, dos aloxamentos rurais.

De praia en praia

Sen dúbida, a liña de costa da Mariña está marcada pola beleza das calas e das praias.

Iniciando o percorrido pola parte occidental da comarca, no Vicedo podemos gozar de Arealonga, a praia máis longa do concello, que une ao seu atractivo natural o da veciña área de recreo.

En Viveiro atopamos unha preciosa praia urbana: Covas, areal de máis dun quilómetro de lonxitude situado onda un parque natural de 20.000 metros cadrados. Á saída da cidade, en dirección a Burela, esténdese Area, unha praia de area branca e augas transparentes enmarcada no fermoso contorno do monte Faro.

A costa de Xove preséntase ateigada de contrastes. O mesmo atopamos resgardadas enseadas coma Morás, antigo enclave baleeiro, que promontorios escarpados coma o de punta Roncadoira. Abandonando a N-642 no alto do Cruceiro podemos internarnos na península de Morás. Alí está o areal de Esteiro, que con marea baixa presenta 40.000 metros cadrados de superficie. A praia, con columna protectora de dunas, é apreciada por surfistas e bañistas. Nas proximidades existen zonas axardinadas que invitan a celebrar comidas campestres.

Xa no concello de Cervo, o istmo de San Cibrao dálles cabida aos areais urbanos do Torno e Cubelas. O Torno, praia de augas tranquilas pechada pola enseada da Concha, prolóngase desde a desembocadura da ría ata a zona portuaria.

O concello de Foz, un clásico enclave de veraneo, conta con areais tan extensos coma Llas e tan concorridos coma A Rapadoira, a gran praia urbana da Mariña.

Entre Barreiros e Ribadeo esténdese a chamada rasa cantábrica, todo un contínuum de praias limpísimas e apracibles. A máis afamada, a praia ribadense das Catedrais, débelles o seu nome a unhas caprichosas formacións de rocha, ideais para pasear coa marea baixa.

Paisaxes de interior

O interior da Mariña tamén garda auténticas xoias naturais. No leito do río Sor, un microclima especial fai florecer as camelias e as azaleas. O Sor desemboca en forma de esteiro no Vicedo.

O concello de Viveiro enorgullécese do eucaliptal de Chavín. Esta inmensa masa de eucaliptos, na que se atopan algúns dos exemplares máis altos de Europa, foi declarada monumento natural no ano 2000. Unha ruta atravesa este bosque seguindo o curso do río Landro, á sombra de árbores de ata 80 metros de alto. O rei da floresta ten 2,5 metros de diámetro e cómpren máis de seis persoas para rodear o seu toro.

O verde da natureza segue presente no termo municipal de Cervo, que soubo aproveitar o enclave da vella fundición de Sargadelos e convertelo nunha paraxe turística con moito encanto.

A auga é protagonista no interior do concello de Xove, que ten como monumento natural máis impresionante o Pozo da Ferida. Neste lugar, que parece á marxe do tempo, a unión de dous pequenos regos forma unha fervenza que se esfraga desde unha altura de 30 metros.

Vilas e cidades

Viveiro, o máis importante núcleo residencial e comercial do norte de Lugo, pasou hai tempo os límites do seu interesante núcleo histórico. Neste, o visitante pode atopar magníficos monumentos eclesiásticos e unha ampla oferta hosteleira.

San Cibrao, no concello de Cervo, mantén un bo equilibrio entre a fachada marítima e a superficie urbanizada. A vila é moi pintoresca, dado que se reparte entre dous núcleos urbanos. O barrio do Faro, o máis antigo, aséntase nunha antiga illa que un istmo de area uniu a terra.
Cervo, a capital do concello, posúe unha trama urbana de tipo tradicional embelecida polo río Xunco. A praza garda o encanto das vellas vilas galegas.

Burela caracterízase por unha intensa actividade industrial e hostaleira. A súa fundación data de 1250. O mar sempre marcou a historia da vila, que na actualidade ten o porto boniteiro máis importante do Cantábrico.

A cidade episcopal, Mondoñedo, é berce de arte e cultura. A catedral, o pazo do Bispo e o Seminario son auténticas xoias arquitectónicas, pero toda a cidade en si mesma é un museo ao aire libre.

Na parte máis oriental da Mariña, separada de Asturias por unha fértil ría, érguese a vila de Ribadeo. Nova e dinámica, especialmente durante o verán, pero tamén chea de lugares con encanto nos que se sente o pouso do tempo.

Gastronomía

A rica gastronomía da Mariña resérvalles un lugar de honra aos peixes e mariscos do Cantábrico: lagostas, percebes, bois, longueiróns, centolas, ameixas, coquinas, camaróns, ourizos, nécoras... Os numerosos restaurantes da zona sácanlles partido a estes produtos ao longo de todo o ano. O príncipe indiscutible é o bonito do norte, especie líder na lonxa de Burela.

Na liña de costa que discorre entre Ribadeo, na Mariña Oriental, e O Barqueiro, no límite entre A Coruña e A Mariña Occidental, é posible degustar boas pescadas e robalizas.

Para quen busque carnes, a comarca ofrece saborosos produtos de xata e de porco, dous tótems indiscutibles en Galicia. Filetes e costeletas, lacón con grelos ou empanadas son manxares que non faltan en ningunha carta.

Por último, unha notable variedade de repostería artesanal permite finalizar ao grande calquera comida. Sobremesas típicas da zona son os pasteis do convento de Valdeflores, en Viveiro, as tortas de Mondoñedo e os doces do convento ribadense de Santa Clara.